A Xunta de Facultade de Belas Artes aprobou este martes por unanimidade unha declaración institucional dirixida a expresar publicamente o seu desacordo co procedemento impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de Xunta de Galicia para a selección da persoa responsable da dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). No documento aprobado nesta xornada por asentimento, a Xunta de Facultade insta a Consellería “a convocar un concurso público internacional, avalado por un comité de profesionais independentes expertos na materia” para a elección do director ou directora dunha “institución relevante na arte contemporánea en todos os seus aspectos, incluído o formativo”, no ámbito cultural galego, estatal e internacional.
“Estimamos que a dirección do CGAC non debería ser un posto de libre designación e, aínda menos, tras unha convocatoria restrinxida a persoal funcionario do Estado ou docentes da comunidade autónoma de Galicia”, recolle unha declaración na que a Xunta de Facultade amosa a súa desconformidade co procedemento establecido na convocatoria publicada pola Consellería. Entre as razóns deste posicionamento, a declaración sinala que a fórmula adoptada “podería comprometer a independencia da persoa que asuma ás funcións da dirección do CGAC” e que esta selección debería “corresponder a profesionais independentes e de prestixio”. Ao mesmo tempo, sostén que a convocatoria exclúe profesionais doutros campos máis aló da Historia da Arte ou as Belas Artes, “como a Estética ou a Socioloxía”, á vez que “pecha a posibilidade, que consideramos moi valiosa, de recibir candidaturas de orixe internacional”.