Novas
Conformado por cinco estudantes da Facultade de Belas Artes e unha alumna da Facultade de Comunicación, o colectivo Recanto asumiu no presente curso a coordinación da Sala O Abrigo, onde nestas semanas preséntanse tamén como artistas a través da mostra colectiva Dentro dun espazo maior. Articulada arredor do significado da súa propia denominación, esta exposición levounos a construír o seu propio “recanto” dentro deste espazo da Facultade de Belas Artes, que na tarde deste xoves acollerá un concerto que ten o exilio e a figura de Castelao como eixes centrais. Baixo o título de A golpe de desterro: Cancións da memoria, a percusionista e alumna de doutoramento desta facultade Lucía Martínez estreará neste espazo unha “cartografía sonora do exilio e da emigración sonora”, nunha actuación inserida na programación do festival Vertixe 14.
“O noso colectivo nace como un proxecto baseado na relación de amizade entre os e as creadores e creadoras, co obxectivo de realizar unha arte comprometida e creada a partir dun proceso que non se somete a ningún tipo de norma ou algoritmo e nado da reflexión e da introspeción”. Deste xeito preséntase o colectivo Recanto, responsable este curso da xestión da sala impulsada pola Facultade de Belas Artes na antiga cafetaría do centro, despois de que as licitacións para este servizo quedasen desertas. Integrada polos estudantes de Belas Artes Matías Barros, Elba Bermúdez, Carla Fuentes, Xulia García, Pablo Gómez e Noa González, xunto coa alumna da Facultade de Comunicación Celeste Pose, o grupo avogou por explorar “o significado da palabra que nos nomea” para Dentro dun espazo maior, a súa exposición de presentación.
Unha peza romana con dúas facianas contrapostas, propiedade do Museo do Prado, constitúe o punto de partida de Bifrontes, unha exposición que reúne as obras de 16 artistas vinculados á Facultade de Belas Artes no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. Coa profesora Covadonga Barreiro como comisaria, esta exposición articúlase arredor dunha peza que "convida a pensar a coexistencia de categorías contrapostas e imaxinar aquilo que acontece xustamente no límite, no encontro entre o pasado e o futuro”, sinala. A través das creacións de persoal docente e investigador, de antigas e antigos docentes e de alumnado actual e pasado, esta exposición permite precisamente unha “mirada bifronte” ao pasado e futuro da facultade, nun momento marcado pola remuda xeracional do seu profesorado.
Bifrontes inaugurarase na tarde deste mércores, podendo visitarse ata o 14 de febreiro, e foi presentada nesta xornada polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, e a directora do museo, Ángeles Tilve, xunto á súa comisaria. Ambos subliñaron a importancia para a institución museística das colaboracións coa facultade, previamente reflectidas en exposicións como Campo de sementes 2, Pregar a pintura e Pinturas negras, “e que agora continúa con Bifrontes”, sinalou Tilve, quen sinalou a aposta desta institución por unha liña de traballo que leva a que “pezas do noso museo sirvan para a investigación e a creación contemporánea”. Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación salientou que para o museo “é fundamental incrementar as relacións con Belas Artes”, pondo de relevo que o diálogo entre a facultade, a institución museística e a Bienal de Pontevedra “é unha das cousas máis rupturistas que temos en Pontevedra”.
Pontevedra será neste 2026 a sede das exposicións e da programación da Luga Poster Biennale, un certame internacional de cartelismo ao que concorreron máis de 2000 proxectos, procedentes de 66 países. Promovido pola Facultade de Media Artes e Design (FMAD) e o Instituto de Investigación en Deseño, Medios e Cultura (ID+) da Universidade Técnica do Porto, conxuntamente coa Asociación Galega de Deseño (Dag), desta convocatoria saíu unha selección de 300 carteis procedentes de 43 países, que se presentarán nunha exposición que poderá visitarse na Facultade de Belas Artes entre o 10 de decembro e o 15 de xaneiro.
A esta mostra sumarase unha exposición de carteis do deseñador galego Pepe Barro e un ciclo de conferencias, no marco dunha programación que se desenvolverá en Pontevedra coa colaboración da UVigo, a través do Campus Crea, o Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a Fundación Didac. Promovida tamén co apoio da Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía de Portugal (FCT) e a fundición tipográfica R-Typography, esta programación foi presentada na Casa das Campás pola vicerreitora do campus, Marián Fernández, o director do ID+, Vítor Quelhas; a presidenta da Dag, María Ramos; e o concelleiro de Cultura e Educación, Demetrio Gómez.
Collages pola vivenda é o título da exposición que nestes días reúne na Sala O Abrigo de Belas Artes un conxunto de obras que condensan as visións de 23 estudantes da facultade sobre o problema da vivenda e o encarecemento dos alugueres. Impulsada polo colectivo Recanto, responsable no presente curso da coordinación deste espazo expositivo, esta mostra colectiva reúne un conxunto de obras inicialmente concibidas como exercicio académico para a materia Arte e espazo social, do Grao en Belas Artes.
Coordinada polo profesor David Pavo, trátase dunha materia optativa de cuarto curso na que o alumnado debe levar a cabo un exercicio no que traballen, desde a colaxe, “na elaboración dunha imaxe con implicación ideolóxica”, explica. Nun principio, apunta este docente, ía tratarse dun exercicio a abordar desde unha perspectiva xeral, “pero dada a situación social paralela marcada pola crise da vivenda, coa acampada na Porta do Sol de Madrid” e a propia “repercusión local” que tivo coa acampada situada fronte á facultade, avogou porque estes traballos puxesen o foco “nesta realidade”.
O concepto da gráfica de campo expandido, que fai referencia a como a arte gráfica avanzou da bidimensionalidade para expandirse polo espazo é unha das liñas centrais de traballo do grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research), da Facultade de Belas Artes. Nela insírense proxectos como O múltiple que ocupa o espazo, que en 2024 abrangueu a organización de tres exposicións simultáneas, un ciclo de conferencias e unha serie de intervencións no espazo público de Pontevedra. Co propósito de afondar e proxectar esta liña de traballo, o grupo optou por “expandila a través de diferentes exposicións en múltiples espazos de España”, como salienta a súa investigadora principal, Ana Soler. Nesa idea insírese Fringe, a mostra que o grupo dx5 promove no Espacio Argen, en Madrid, e na que as obras de cinco das e dos seus integrantes establecen un diálogo coas dos tres artistas convidados.
“Queríamos que O múltiple que ocupa o espazo se expandira e se ampliara”, engade Soler, respecto dunha mostra que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través das axudas aos grupos de referencia competitiva, e que se complementa cun programa de actividades. Inaugurada na tarde deste xoves, Fringe é unha exposición comisariada polos expertos en arte gráfica Isabel Elorrieta e Antonio Cervera, que reúne as creacións das artistas e investigadoras Ana Soler, Anne Heyvaert, Aldara Vázquez e Almudena Fernández Fariña, recentemente recoñecida co Premio da Cultura Galega, xunto coas obras de Carlos Fer e dos convidados Almudena Lobera, Juan Lara e Pedro Luis Cembranos.
Co obxectivo de achegar ao alumnado da facultade os proxectos e traxectorias de diferentes egresados e egresadas, Belas Artes impulsou no ano 2021 a serie de publicacións En tránsito, que na súa nova entrega presenta as entrevistas a sete artistas formados no centro, coa revisión da idea de territorio como fío condutor. Vicente Blanco, Lara e Noa Castro, Andrea Davila, Manuel Mata, Ventura A. Pérez e Carla Souto abordan neste volume os seus intereses e procesos de investigación e creación, así como o que supuxo para elas e eles o seu paso por Belas Artes, nas entrevistas realizadas pola xestora cultura e tamén egresada da facultade Sara Donoso.
Editada polo selo de autoedicións Error es Bien, Lo que somos é o título desta nova entrega dunha serie que conta en cada número coa colaboración dun ou dunha docente para a selección das e dos protagonistas do volume e do seu fío condutor. Desta volta, foi a artista e profesora Chelo Matesanz quen participou na escolla de “creadores e creadoras que propoñen cos seus traballos unha revisión da idea do territorio, desde a ruptura dos patróns establecidos para elaborar un discurso independente, moitas veces irónico e valente”, sinala Donoso. “As diferentes entrevistas amosan como a contorna, a memoria, as paisaxes, o rural ou o propio contexto galego aparecen nas prácticas das e dos artistas desde aproximacións moi diversas”, engade a coordinadora dunha publicación editada en galego e castelán e na que o deseño e maquetación correu a cargo de Sara González, responsable tamén da súa impresión en risografía xunto con Marcos Covelo.
Unha investigación plástica que converte o po de granito en material dun proxecto artístico e un estudo sobre os elementos narrativos e estéticos comúns do cinema luso-galaico foron recoñecidos cos VI Premios Crea, dirixidos a distinguir accións destacadas no ámbito da creatividade da comunidade universitaria. Promovidos polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra, a investigadora predoutoral Sara Piñeiro e a estudante Cristina Martínez foron recoñecidas nas dúas categorías destes galardóns, que teñen como propósito premiar investigacións, publicacións, obras e proxectos vinculados coa creatividade e adscritos ás liñas de investigación do proxecto de especialización do campus de Pontevedra.
Na modalidade destinada ao persoal docente e investigador, a investigadora da Facultade de Belas Artes Sara Piñeiro acadou un premio de 1500 euros polo seu proxecto Esas estupendas materias duras, na que o po de granito dá lugar a unha serie de pezas para unha instalación artística. “A verdade é que un premio sempre é unha alegría e máis no contexto da Universidade”, recoñece Piñeiro Fernández, que lembra que “moita parte do proceso” que abrangue o desenvolvemento dun proxecto artístico “é invisible”, polo que recoñecementos como este supoñen “dalgunha forma unha especie de empurre e de ánimo”.
Artistas, profesionais e especialistas de sete universidades españolas participan ata este mércores na sede da Vicerreitoría do campus no XI Foro Internacional de Creación da Fronteira Diving the gutter: Cómic de campo expandido, intermedialidade e transmedialidade. Promovido polo grupo dx5 da Facultade de Belas Artes, este encontro científico ten como obxectivo explorar como o cómic contemporáneo supera as concepcións de soporte e formato tradicionalmente asociadas á banda deseñada, abordando as súas interaccións con disciplinas como o cinema, os videoxogos, a arquitectura ou a pintura e como estas dan lugar a “produtos transmedia”, que manteñen, non obstante, os sinais de identidade da banda deseñada.
Dirixido polo profesor Miguel Cuba e financiado pola Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, a través das axudas a grupos de referencia competitiva, este simposio botou a andar na tarde do luns con catro conferencias que afondaron na “deconstrución do xénero de superheroes”, no cómic como obxecto museístico, no binomio manga-anime e nas conexións coa arquitectura. Fixérono da man do crítico e programador Felipe Rodríguez, do investigador da Universitat de Valencia Álvaro Pons, do integrante do grupo dx5 e codirector deste foro, José Andrés Santiago, e do investigador da Universidad de Alcalá Enrique del Rey.
Discutir academicamente acerca do cómic contemporáneo desde as novas concepcións e usos do soporte e do formato tradicionalmente asociados á banda deseñada é o obxectivo central do XI Foro Internacional de Creación na Fronteira, que entre o luns 19 e o mércores 21 reunirá un conxunto de especialistas de diferentes áreas na sede da Vicerreitoría do campus. Promovidas polo grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes, estas xornadas buscan reflectir “as distintas maneiras nas que o cómic se relaciona con outros medios e disciplinas”, como o cinema, os videoxogos, a arquitectura ou a pintura, dando lugar a “produtos transmedia”, sinalan desde a organización.
Baixo o título de Diving the gutter: Cómic de campo expandido, intermedialidade e transmedialidade, trátase dunhas xornadas abertas ao público, que poderán seguirse tanto de xeito presencial como virtual. A través dun conxunto de conferencias, impartidas por especialistas de ámbitos como os videoxogos, o cine ou a literatura, o grupo busca promover unha reflexión sobre a evolución que está a vivir este medio e as súas “interaccións con outras disciplinas artísticas”, como sinala o profesor Miguel Cuba, director deste foro. O seu obxectivo é afondar nesa idea do cómic de campo expandido desde unha “perspectiva ampla”, de tal xeito que haxa espazo tanto para obras que parten da alteración dos formatos como para aquelas que fusionan a banda deseñada con outras disciplinas. Deste xeito, preténdese tanto abordar sobre as “conexións” do cómic co mundo do cinema ou dos videoxogos, como pór o foco “en interaccións máis complexas, nas que as linguaxes se mesturan e o cómic abandona eses parámetros tradicionalmente” asociados á banda deseñada.