Conformado por cinco estudantes da Facultade de Belas Artes e unha alumna da Facultade de Comunicación, o colectivo Recanto asumiu no presente curso a coordinación da Sala O Abrigo, onde nestas semanas preséntanse tamén como artistas a través da mostra colectiva Dentro dun espazo maior. Articulada arredor do significado da súa propia denominación, esta exposición levounos a construír o seu propio “recanto” dentro deste espazo da Facultade de Belas Artes, que na tarde deste xoves acollerá un concerto que ten o exilio e a figura de Castelao como eixes centrais. Baixo o título de A golpe de desterro: Cancións da memoria, a percusionista e alumna de doutoramento desta facultade Lucía Martínez estreará neste espazo unha “cartografía sonora do exilio e da emigración sonora”, nunha actuación inserida na programación do festival Vertixe 14.
“O noso colectivo nace como un proxecto baseado na relación de amizade entre os e as creadores e creadoras, co obxectivo de realizar unha arte comprometida e creada a partir dun proceso que non se somete a ningún tipo de norma ou algoritmo e nado da reflexión e da introspeción”. Deste xeito preséntase o colectivo Recanto, responsable este curso da xestión da sala impulsada pola Facultade de Belas Artes na antiga cafetaría do centro, despois de que as licitacións para este servizo quedasen desertas. Integrada polos estudantes de Belas Artes Matías Barros, Elba Bermúdez, Carla Fuentes, Xulia García, Pablo Gómez e Noa González, xunto coa alumna da Facultade de Comunicación Celeste Pose, o grupo avogou por explorar “o significado da palabra que nos nomea” para Dentro dun espazo maior, a súa exposición de presentación.