No seu ensaio Un cuarto propio (1929), a escritora británica Virginia Woolf incidía na necesidade de que as mulleres teñan un espazo propio para crear, idea que constitúe o punto de partida da exposición que desde este mércores pode visitarse na Sala O Abrigo, da Facultade de Belas Artes. Promovida polo colectivo estudantil Luscofusco, con motivo da conmemoración este domingo do Día Internacional da Muller, esta mostra reúne as creacións de 15 alumnas da facultade, baixo o título de Un Abrigo Propio. “O libro de Virginia Woolf funciona como premisa”, sinalan as organizadoras dunha mostra colectiva que emprega a idea dun “cuarto propio” como fío conceptual dunha exposición que propón “formular un lugar, físico ou figurado, propio unicamente de mulleres”.
A exposición que se inaugura na tarde deste mércores reúne obras pictóricas, fotográficas ou escultóricas, nas que 15 estudantes do Grao en Belas Artes “plasman a súa idea dunha habitación propia”. Nomeadamente, a mostra presenta as creacións de Ana Piñeiro, Aroa González, Creep, Dana Latorraca, Guadalupe Díez, Loreña Añón, Marina Saavedra, Mencía Fana, Noa Fontán, Paula Romay, Rain Ramos, Sara Ricoy, Sofía Saraiba, Victoria Rodríguez e Nila.
Os efectos e as aplicacións de tecnoloxías como a intelixencia artificial ou a aprendizaxe automática na investigación e na práctica artística son uns dos focos de análise da rede de investigación Artistic Intelligence. Responsiveness, accessibility, responsibility, equity (ARTinRARE). Financiada polo programa COST da Unión Europea, esta rede reúne este xoves e venres 53 investigadoras e investigadores de 20 países no campus de Pontevedra e centra o seu traballo en conectar a investigación artística baseada na práctica con outras culturas investigadoras, a xestión de datos ou as novas ferramentas tecnolóxicas. Liderada polo Instituto de Investigación en Arte, Deseño e Sociedade (i2ADS) da Universidade do Porto, esta rede ten entre as integrantes do seu comité de xestión á profesora da UVigo Holga Méndez, coordinadora do encontro que se desenvolve na Facultade de Belas Artes e na Vicerreitoría do campus.
Belas Artes acollía na mañá deste xoves a apertura desta segunda xuntanza xeral de ARTinRARE, un proxecto que conta coa participación de máis de 200 artistas e investigadores nos seus diferentes grupos de traballo. O seu punto de partida é o concepto de artística intelixencia, termo que fai referencia “á capacidade colectiva da investigación artística baseada na práctica para xerar impacto e valor máis aló dos resultados singulares e específicos dun proxecto individual”, como sinala Méndez. A idea, engade, é que esta iniciativa permita ir máis aló das investigacións e prácticas artísticas individuais para “facer visibles diferentes modos de proceder”, contribuíndo á súa conexión con “todas as formas de produción de coñecemento”. A través dunha análise interdisciplinaria, engade, “esta acción coordina a aplicación de novas técnicas computacionais, como a aprendizaxe automática e a intelixencia artificial, á investigación baseada na práctica en todas as artes”.
A sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes retoma a súa programación de exposicións cunha mostra na que presenta os resultados finais dun taller de fanzines colaborativos, no que dez estudantes de facultade traballaron conxuntamente na elaboración dunha publicación con materiais reciclados. O obradoiro que dá lugar a esta mostra desenvolveuse o pasado mes de decembro nesta sala coordinada polo colectivo estudantil Luscofusco e foi impartido pola egresada Nato Brandariz. Centrado no desenvolvemento dun fanzine cunha idea común, que reunise as propostas das e dos diferentes participantes, esta actividade levou á creación dun “relato conxunto cada día diferente”, co que construíron unha historia que combina “monxas, paxaros, un home que se cre máis listo que un animal, caos, texturas, cor e diversión”, apuntan desde Luscofusco.
A publicación realizouse principalmente con materiais reciclados, como cartolinas, periódicos, revistas, fotos ou cartas, dando lugar a unha historia que “transcorre a través dos recortes que se xeraron”, que agora se presenta impresa a maiores dimensións nesta exposición. Baixo o título de Expo fanzinera, a mostra inaugurase na tarde deste martes e poderá visitarse ata o venres 6 de febreiro.
Tres exposicións simultáneas, un ciclo de conferencias e un conxunto de intervencións no espazo público combináronse, en maio e xuño de 2024, no VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira, organizado polo grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes e centrado na idea de arte múltiple. Promovido coa colaboración do Concello de Pontevedra e o financiamento da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia, a través das axudas a grupos de referencia competitiva, a reflexión de como a arte gráfica avanzou cara a “busca dunha experiencia artística máis profunda e inmersiva”, sinalan, condénsase agora no libro El múltiple que ocupa el espacio, que combina un rexistro das exposicións e intervencións desenvolvidas no marco deste proxecto cunha serie de artigos de diferentes investigadores e artistas.
Publicado pola editorial Sendemá, este volume presentarase o vindeiro luns 26 ás 19.00 horas na Casa da Luz, nun acto que contará coas intervencións de Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura; Ana Soler, directora do grupo dx5; Anne Heyvaert, subdirectora do proxecto, e as responsables de Vaciocero, encargadas da coordinación das exposicións e da programación didáctica. A publicación, que conta tamén cunha versión dixital de acceso aberto, constitúe “un rexistro”, como sinala Soler, das diferentes iniciativas englobadas neste proxecto. Mais, lonxe de ser un catálogo das tres exposicións, trátase dun “libro sobre a arte múltiple”, que á vez que funciona “como un arquivo” das intervencións de carácter efémero levadas a cabo na cidade, reúne tamén un conxunto de artigos centrados neste concepto, que “constitúe o núcleo central desenvolvida durante dúas décadas polo grupo de investigación”, lembra Soler.
- ‘Do final e do comezo’ reúne as creacións de 25 novas tituladas e titulados en Belas Artes
- Alumnas de Belas Artes promoven unha reflexión colectiva sobre o futuro das profesións creativas en Galicia
- As curtametraxes de once estudantes do campus abren a décima edición de Novos Cinemas
- O estudante de doutoramento Andrés Rivas, seleccionado para unha residencia que conecta arte e ciencia