Co propósito de promover actividades e proxectos conxuntos, a Universidade de Vigo e a Asociación Profesional de Artistas de Galicia A Colectiva asinaban nos últimos meses un convenio marco de colaboración, que este martes era presentado nun encontro na Facultade Belas Artes. Neste acto, representantes da xunta directiva dunha asociación que agrupa preto de 150 artistas presentaron ao alumnado as áreas de traballo desta entidade e un convenio que, sinalan, busca especialmente potenciar as liñas de colaboración con este centro. O seu obxectivo, sinalan, “é ter unha presenza máis continuada na facultade” e tratar de impulsar “unha programación de actividades conxuntas que dinamicen e fortalezan” este centro do campus pontevedrés.
Esta presentación contou coas intervencións do vicedecano de Cultura, Ignacio Pérez-Jofre; da ata agora presidenta de A Colectiva, Sergio Marey, e da elixida esta fin de semana nova presidenta da asociación, María X. Rodríguez; xunto coa vogal da xunta directiva e vicepresidenta da Unión de Artistas Contemporáneos de España, Iria Vázquez. “Un dos aspectos aos que damos moita importancia na facultade é o voso desenvolvemento posterior como artistas profesionais”, lembrou Pérez-Jofre ao alumnado, na apertura dun acto no que puxo de relevo que, se ben a creación artística parte dunha “necesidade interior” que pode levar “a espazos un pouco illados, na dimensión profesional é esencial compartir experiencias e crear estruturas e coñecementos que nos axuden a movernos”.
Xunto ao municipio portugués de Guimarães, Pontevedra será neste 2025 unha das sedes do quinto encontro de arte téxtil contemporánea 'Pensinulares', que, coa colaboración do Concello, da Universidade de Vigo e da Fundación RAC, desenvolverá nos meses de outubro e novembro a súa programación na cidade. Nela insírense iniciativas como a exposición Modos de ver, que terá como sedes o Pazo da Cultura e a Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, residencias artísticas, coloquios e talleres.
Promovido pola entidade cultural Indigo Proyectos e os responsables da bienal de arte téxtil Contextiles de Guimarães, 'Peninsulares' preséntase como un evento dirixido á promoción da arte téxtil contemporánea, portuguesa e española, que na súa quinta edición se achegará por primeira vez a Galicia. Esta iniciativa foi presentada este mércores no Concello por Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura, Lala de Dios, responsable de Indigo Proyectos, e Joaquim Pinheiro, director de Contextile. Este acto contou coa participación do director da Área adxunta á Vicerreitoría do campus, Luis Torres; a coordinadora do Máster en Deseño en Dirección Creativa en Moda da Facultade de Deseño, Lola Dopico; e o vicedecano da Facultade de Belas Artes e coordinador da Sala Manuel Moldes, Ignacio Pérez-Jofre, xunto a outras e outros responsables dun proxecto que previamente abordaron nun encontro co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Promover un contacto directo entre o alumnado das diferentes facultades e escolas e as e os profesionais dos sectores nos que desenvolverán a súa traxectoria profesional é o obxectivo das xornadas de promoción do emprego organizadas pola Vicerreitoría do campus, co patrocinio do Consello Social. Inseridas no programa EmpregoinCampus, que promove a Área de Emprego e Emprendemento da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, trátase dun conxunto de actividades dirixidas a “dar o alumnado unha visión xeral dos seus ámbitos laborais, de diferentes posibilidades de emprendemento ou das áreas que actualmente poden ter mellores saídas”, sinala a vicerreitora, Eva María Lantarón. Coordinadas polos propios centros, co obxectivo de dar resposta “ás particularidades das diferentes titulacións”, trátase dunha serie de xornadas que arrancaron na Facultade de Fisioterapia e na Escola de Enxeñaría Forestal e que continuarán nos primeiros meses do vindeiro curso.
Dando continuidade ao formato de mesas saídas profesionais do pasado curso, estas actividades dirixidas “a mellorar a inserción laboral do estudantado”, sinala Lantarón, “adáptanse as necesidades de cada un dos centros e á realidade laboral dos diferentes sectores”, combinando a participación de profesionais e empresas privadas coas de representantes de institucións e entidades do sector público.
Para pechar este percorrido de “8 mulleres para o 8M”, a exalumna e xestora cultural Sara Donoso preséntanos a Sandra Gamarra: artista peruana residente en España, cuxa obra afonda nas narrativas e nos mecanismos de transmisión da historia.
A través da pintura, a escultura e a instalación, constrúe un discurso crítico arredor do legado colonial e das estruturas que perpetúan e lexitiman a historia da arte.
Na serie “Querían brazos y llegamos personas”, Gamarra revisita a “pintura de castas” de José Joaquín Magón, poñendo o foco nos brazos das mulleres representadas e incorporando a frase que dá título á obra, tomada do colectivo Territorio Doméstico, formado por traballadoras do fogar. Esta expresión funciona como denuncia das dinámicas deshumanizadoras que, aínda hoxe, sofren moitas persoas que desenvolven traballos de coidado, especialmente mulleres racializadas. Deste xeito, Gamarra establece unha ponte entre o pasado colonial e o presente migrante, facendo visible a continuidade das violencias e os mecanismos de exclusión. A súa obra propón unha lectura crítica e poética que nos convida a repensar quen conta a historia, desde onde e para quen.
Unha serie de materiais de refugallo e obxectos atopados nas rúas de Pontevedra constitúen a materia prima do conxunto de obras realizadas por dez estudantes de Belas Artes nun obradoiro inserido na programación da Semana CREA. A inauguración no local da asociación Kentada da exposición Mércores, que reúne os resultados dun taller impartido polos investigadores Alejandro Fuertes, Andrea Otero e Julio Catalán, pon peche na tarde deste venres á programación desta Semana da Creatividade. Promovida polo Campus Crea co patrocinio da Deputación de Pontevedra, nesta programación inseríanse un conxunto de conferencias, obradoiros e mesas de debate, que neste 2025 tiveron como eixe temático a sustentabilidade.
Iñigo Barreiro, Lucía Estévez, Sara González, Mónica Lago, Lucía Leirós, Noela Paz, Ismael Prieto, Sara Ricoy, Miriam Rodríguez e Cristina Rus son os dez autores e autoras das obras xurdidas do taller Las hierbas que él arrojó, que nas próximas dúas semanas poderán contemplarse no local de Kentada. Á fronte deste obradoiro situáronse tres investigadores da Facultade de Belas Artes que, desde diferentes perspectivas, centran o seu labor artístico e investigador no reemprego de materiais de refugallo e que constitúen “un magnífico exemplo dunha actitude creativa que prima a sustentabilidade”, como sinalan desde a organización desta Semana CREA.
Organizada polo Concello de Pontevedra, coa colaboración da Facultade de Belas Artes, a exposición Fotosensíbeis achegará ao Pazo da Cultura de Pontevedra un conxunto de fotografías realizadas ao longo de preto de tres décadas por alumnos e alumnas de Belas Artes. A exposición ten como comisario ao fototohistoriador Manuel Sendón, profesor da facultade ata a súa xubilación, e reúne un conxunto de traballos realizados por 31 artistas de diferentes xeracións durante a súa etapa de formación neste centro.
Presentada este martes no Concello por Sendón e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, Fotosensíbeis celebrará a súa inauguración este venres 25 de abril ás 18.00 horas e poderá visitarse ata o 18 de maio. Dirixida a amosar as posibilidades da fotografía como medio de produción artística, reúne unha “escolma de traballos que se iniciaron e remataron na clase”, xunto cunha selección de traballos de fin de grao dirixidos por Sendón e outros realizados no Grupo de Investigacións Fotográficas da Universidade de Vigo, do que foi investigador principal.
A artista Lúa Gándara participa no proxecto “8 mulleres para o 8M” achegándonos á obra de Regina Giménez.
Formada en Belas Artes na Universidade de Barcelona, Regina Giménez desenvolve unha obra que transita entre a abstracción e a exploración da xeometría e da cor. A súa produción inclúe pintura, téxtil, colaxe, metacrilato, libros de artista e obra gráfica.
Entre todo o seu traballo, Lúa Gándara destaca a peza Pensar un paisatge V (2025) sobre a cal comenta:
“Escollo esta obra de Regina Giménez pola súa capacidade de síntese pero que non se torna fría, senón todo o contrario, parece que puidésemos xogar coas pezas da obra e recolocalas de mil formas. Hai música e misterio á vez, e todo o mundo pode achegarse para apreciar os matices e borrados non casuais do papel. Esta peza fainos repensar a nosa paisaxe reducíndoa aos mínimos elementos”.
Profesora da Academia de Belas Artes e Deseño de Katowice, Weronica Siupka propón un percorrido gráfico pola rexión polaca de Silesia na exposición que nestes días pode visitarse na Sala O Abrigo, da Facultade de Belas Artes. Baixo o título de Auto-da-fé, esta mostra reúne unha trintena de gravados nos que esta artista e docente plasma múltiples realidades da rexión polaca de Silesia, desde estruturas arquitectónicas a detalles de portas, corredores ou fiestras. “Todos son lugares reais”, apunta Siupka dunha mostra que ten como punto de partida o xeito no que se percibe a propia contorna a través da arte e que nace, recoñece, da importancia que ten para ela “mostrar Silesia”, a través das imaxes de espazos que foron espertando a súa atención, ás veces “dun xeito un pouco máxico”.
Esta exposición poderá visitarse ata o 29 de abril neste espazo xestionado polo colectivo Lupercais e foi impulsada coa colaboración da asociación Taller Experimental de Obra Múltiple Conteporánea, con sede en Cangas. De feito, Auto-da-fe foi en 2023 a serie gañadora da primeira edición do certame de gravados de pequeno formato Mini Print Internacional Galicia, promovido por esta asociación. Tras exhibirse por primeira vez, a raíz do premio, nesta localidade do Morrazo, esta mostra supón a segunda oportunidade de contemplar en Galicia o traballo dunha artista que este xoves impartía tamén unha conferencia en Belas Artes, dirixida a achegar o alumnado a súa obra gráfica e procesos de traballo. Nese senso, Siukpa, directora do departamento de Deseño Gráfico da Academia de Belas Artes e Deseño de Katowice, resalta o positivo dunha estancia que agarda que sirva tamén como punto de partida para promover un convenio coa facultade, mentres que o seu vicedecano de Cultura, Ignacio Pérez-Jofre, salienta que esta colaboración permitiu achegar ao centro “unha exposición tecnicamente moi boa e moi contemporánea”.
A artista e doutora en Belas Artes Mar Ramón Soriano achéganos a obra de Nicole Wermers para o noso proxecto “8 mulleres para o 8 M”.
Nicole Wermers (Alemaña, 1971) explora a relación entre a arte, o deseño, a arquitectura e a funcionalidade. A través da escultura e a instalación, investiga como os obxectos da vida cotiá moldean as nosas interaccións habituais. O seu traballo caracterízase por un achegamento ao minimalismo e o uso da ironía.
En concreto, a artista destaca Givers & Takers (2016), unha obra sobre a que comenta: “Nesta obra Nicole Wermers xustapón un extractor de cociña e un secador de mans, explorando a relación entre ambos os obxectos. A disposición dos dispositivos enfrontados, un deseñado para absorber aire e o outro para expulsalo, xera unha conversa. Como un diálogo a partir deste elemento invisible que vai dun ao outro, converténdonse en corpos que exhalan e inspiran”.