
Xunto ao municipio portugués de Guimarães, Pontevedra será neste 2025 unha das sedes do quinto encontro de arte téxtil contemporánea 'Pensinulares', que, coa colaboración do Concello, da Universidade de Vigo e da Fundación RAC, desenvolverá nos meses de outubro e novembro a súa programación na cidade. Nela insírense iniciativas como a exposición Modos de ver, que terá como sedes o Pazo da Cultura e a Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, residencias artísticas, coloquios e talleres.
Promovido pola entidade cultural Indigo Proyectos e os responsables da bienal de arte téxtil Contextiles de Guimarães, 'Peninsulares' preséntase como un evento dirixido á promoción da arte téxtil contemporánea, portuguesa e española, que na súa quinta edición se achegará por primeira vez a Galicia. Esta iniciativa foi presentada este mércores no Concello por Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura, Lala de Dios, responsable de Indigo Proyectos, e Joaquim Pinheiro, director de Contextile. Este acto contou coa participación do director da Área adxunta á Vicerreitoría do campus, Luis Torres; a coordinadora do Máster en Deseño en Dirección Creativa en Moda da Facultade de Deseño, Lola Dopico; e o vicedecano da Facultade de Belas Artes e coordinador da Sala Manuel Moldes, Ignacio Pérez-Jofre, xunto a outras e outros responsables dun proxecto que previamente abordaron nun encontro co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Promover un contacto directo entre o alumnado das diferentes facultades e escolas e as e os profesionais dos sectores nos que desenvolverán a súa traxectoria profesional é o obxectivo das xornadas de promoción do emprego organizadas pola Vicerreitoría do campus, co patrocinio do Consello Social. Inseridas no programa EmpregoinCampus, que promove a Área de Emprego e Emprendemento da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, trátase dun conxunto de actividades dirixidas a “dar o alumnado unha visión xeral dos seus ámbitos laborais, de diferentes posibilidades de emprendemento ou das áreas que actualmente poden ter mellores saídas”, sinala a vicerreitora, Eva María Lantarón. Coordinadas polos propios centros, co obxectivo de dar resposta “ás particularidades das diferentes titulacións”, trátase dunha serie de xornadas que arrancaron na Facultade de Fisioterapia e na Escola de Enxeñaría Forestal e que continuarán nos primeiros meses do vindeiro curso.
Dando continuidade ao formato de mesas saídas profesionais do pasado curso, estas actividades dirixidas “a mellorar a inserción laboral do estudantado”, sinala Lantarón, “adáptanse as necesidades de cada un dos centros e á realidade laboral dos diferentes sectores”, combinando a participación de profesionais e empresas privadas coas de representantes de institucións e entidades do sector público.

Para pechar este percorrido de “8 mulleres para o 8M”, a exalumna e xestora cultural Sara Donoso preséntanos a Sandra Gamarra: artista peruana residente en España, cuxa obra afonda nas narrativas e nos mecanismos de transmisión da historia.
A través da pintura, a escultura e a instalación, constrúe un discurso crítico arredor do legado colonial e das estruturas que perpetúan e lexitiman a historia da arte.
Na serie “Querían brazos y llegamos personas”, Gamarra revisita a “pintura de castas” de José Joaquín Magón, poñendo o foco nos brazos das mulleres representadas e incorporando a frase que dá título á obra, tomada do colectivo Territorio Doméstico, formado por traballadoras do fogar. Esta expresión funciona como denuncia das dinámicas deshumanizadoras que, aínda hoxe, sofren moitas persoas que desenvolven traballos de coidado, especialmente mulleres racializadas. Deste xeito, Gamarra establece unha ponte entre o pasado colonial e o presente migrante, facendo visible a continuidade das violencias e os mecanismos de exclusión. A súa obra propón unha lectura crítica e poética que nos convida a repensar quen conta a historia, desde onde e para quen.

Unha serie de materiais de refugallo e obxectos atopados nas rúas de Pontevedra constitúen a materia prima do conxunto de obras realizadas por dez estudantes de Belas Artes nun obradoiro inserido na programación da Semana CREA. A inauguración no local da asociación Kentada da exposición Mércores, que reúne os resultados dun taller impartido polos investigadores Alejandro Fuertes, Andrea Otero e Julio Catalán, pon peche na tarde deste venres á programación desta Semana da Creatividade. Promovida polo Campus Crea co patrocinio da Deputación de Pontevedra, nesta programación inseríanse un conxunto de conferencias, obradoiros e mesas de debate, que neste 2025 tiveron como eixe temático a sustentabilidade.
Iñigo Barreiro, Lucía Estévez, Sara González, Mónica Lago, Lucía Leirós, Noela Paz, Ismael Prieto, Sara Ricoy, Miriam Rodríguez e Cristina Rus son os dez autores e autoras das obras xurdidas do taller Las hierbas que él arrojó, que nas próximas dúas semanas poderán contemplarse no local de Kentada. Á fronte deste obradoiro situáronse tres investigadores da Facultade de Belas Artes que, desde diferentes perspectivas, centran o seu labor artístico e investigador no reemprego de materiais de refugallo e que constitúen “un magnífico exemplo dunha actitude creativa que prima a sustentabilidade”, como sinalan desde a organización desta Semana CREA.