Aberta ao conxunto da cidadanía, a programación de cursos de extensión universitaria da Vicerreitoría do campus abrangueu un conxunto de propostas formativas que permitiron levar a formación máis aló do curso académico. Os coñecidos como cursos de verán arrancaron o pasado mes de xuño e complétanse nestas semanas na Facultade de Belas Artes co taller Transferencia a soportes cerámicos, centrado no traballo con diferentes técnicas que permiten plasmar imaxes en pezas cerámicas. Coas súas 20 prazas cubertas, ten como obxectivo achegar ás e aos asistentes unha base de coñecementos que lles permita ter unha visión xeral sobre a aplicación de diferentes técnicas de gravado á pezas de cerámica e os resultados que permiten obter, coa idea de que logo poidan seleccionar as máis apropiadas para os seus proxectos artísticos.
Dirixido polo técnico José Ángel Zabala, a primeira edición deste curso reúne tanto estudantado e profesorado da facultade como a persoas alleas á comunidade universitaria e conta coa participación como docentes dos “recoñecidos artistas” Javier Ramos Arana e Elena Carrasco, xunto coa egresada da facultade e técnica en escultura Teresa Pece. “Este taller ten como obxectivo ofrecer unha introdución á técnica de transferencia de imaxes sobre soportes cerámicos”, salientan desde a organización desta actividade, que leva ás persoas participantes traballar con diferentes tipos de placas, tintas e métodos de impresión, así como a analizar as necesidades de cada imaxe para adaptarse mellor aos distintos procesos.
Comisariado polos investigadores da Universitat Politécnica de Valencia Lorena Rodríguez e José Luis Albelda, Proyectar el cambio é un proxecto que, partindo do concepto das humanidades ecolóxicas, busca promover unha reflexión sobre os retos xurdidos da “crise ecosocial", segundo sinalan os seus promotores. Con ese propósito, articúlase unha mostra internacional de creación audiovisual, que na súa terceira edición reúne 15 pezas nas que diferentes artistas reflexionan sobre esta problemática desde diferentes enfoques e que, no marco da súa itinerancia, poderán verse na tarde deste xoves 1 de outubro na Facultade de Belas Artes.
Baixo o título de Proyectar el cambio: crisis, resiliencia y restauración, a terceira edición desta mostra reúne obras con “formatos e narrativas moi variados”, que abranguen desde pequenos vídeos de carácter documental, activista ou performático, ata ensaios audiovisuais, poemas visuais, curtas de animación ou pezas de vídeo experimental, sinalan os seus promotores. Tras a súa exhibición en México, Italia e Brasil, así como en diferentes universidades españolas, esta mostra itinerante achégase a este centro da UVigo, nunha sesión aberta ao público, que dará comezo ás 16.30 horas no espazo 16 da facultade. No marco das iniciativas da rede europea ARTinRARE, esta proxección contará coa intervención por videoconferencia de Lorena Rodríguez Mattalía, comisaria do proxecto, e das artistas e docentes Holga Méndez, da UVigo, e Belén Díez, da Universidad de Zaragoza, coordinadoras do proxecto Geografía Poética.
Como “unha selección de miradas” a un “territorio híbrido entre arte e ciencia” preséntase un libro editado pol grupos de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature. Estes seminarios, desenvolvidos en Nova York e Pontevedra, puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais, co obxetivo de “mapear” as prácticas que conectan arte, natureza e tecnoloxía, sinalan as súas responsables. Baixo o título de Posthumanismos interdisciplinares en el arte y la ciencia, o volume ten como editoras á investigadora Antía Iglesias e á responsable do grupo dx5, Ana Soler, e conta tanto cunha edición en papel como cunha versión dixital de acceso aberto.
Ao abeiro dunha estadía posdoutoral na School of Visual Arts (SVA) de Nova York, como beneficiaria dunha bolsa Fulbright, Iglesias impulsou en febreiro de 2025 este ciclo, cunha primeira ediciónno Biolab deste centro. O seu obxectivo, explica, era “activar un espazo de encontro entre creadoras, investigadoras e axentes culturais cuxas prácticas se aproximan á noción de natureza desde os seus límites de contacto con outras disciplinas”. Poucos meses despois, o BioBAT Art Space de Nova York foi sede da segunda edición deste seminario, que a finais dese ano desenvolvería un terceiro encontro en Pontevedra, froito da colaboración entre os grupos dx5 e AF4, xunto co Campus Crea e a Vicerreitoría do campus de Pontevedra.
Ecofeminismo, arte en contexto, comunidade, herdanza e territorio. Estes cinco conceptos guían ao longo desta semana os once artistas, investigadoras e investigadores que participan en Ons na residencia Geografía Poética, promovido pola profesora da Facultade de Belas Artes da UVigo Holga Méndez e a docente da Universidad de Zaragoza Belén Díez, no marco da rede europea Artistic Intelligence. Responsiveness, accessibility, responsibility, equity (ARTinRARE). Procedentes de España, Portugal, República Checa, Italia, Colombia, Reino Unido, Austria, Serbia e Suecia, as e os seleccionados na convocatoria aberta para un workshop no que se lles convida a “repensar e reformular” os seus proxectos nas “coordenadas” dun seminario que busca conectar a acción e investigación artística co “contexto concreto da illa”, como explica Méndez.
Esta iniciativa insírese nas accións dunha rede de investigación financiada polo programa COST da Unión Europea, que centra o seu traballo en conectar a investigación artística baseada na práctica con outras culturas investigadoras ou novas ferramentas tecnolóxicas. Liderado polo Instituto de Investigación en Arte, Deseño e Sociedade da Universidade do Porto, o proxecto ARTinRARE conta coa participación de máis de 200 artistas e investigadores nos seus diferentes grupos de traballo e ten como punto de partida o concepto de intelixencia artística, que fai referencia á capacidade colectiva da investigación artística baseada na práctica para xerar impacto e valor máis aló dos resultados específicos dun proxecto. Estes grupos de traballo reuníanse o pasado mes de febreiro na Facultade de Belas Artes da UVigo, nun encontro promovido por Méndez, membro do comité de xestión desta rede e directora, xunto con Díez, do proxecto Geografía Poética. Impulsado pola Universidad de Zaragoza, esta iniciativa naceu en Teurel e tiña como obxectivo a creación dunha rede de conexións entre comunidade, patrimonio e territorio a través de intervencións artísticas contextualizadas.